27 March, 2013

A Xunta transmitelle a varias asociacións contra a drogodependencia a intención de manter as axudas para os programas de prevención, tratamento e asistencia

Nunha xuntanza que tivo lugar no Parlamento de Galicia e á que asistiu a Asociación Érguete e unha representación da Asociación galega de profesionais das drogodependencias e outras condutas aditivas.

Alfonso Rueda e Rocío Mosquera na xuntanza coas asociacións contra a drogodependencia

Alfonso Rueda e Rocío Mosquera na xuntanza coas asociacións contra a drogodependencia.

Santiago, 26 de marzo de 2013.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, transmitíronlle hoxe a varias asociacións contra a drogodependencia, nunha xuntanza que tivo lugar no Parlamento de Galicia, o propósito da Xunta de Galicia por manter as axudas destinadas á realización de programas de prevención, tratamento e asistencia en materia de drogodependencias. Segundo sinalaron na reunión os dous conselleiros, o Executivo autonómico destinará, no presente ano, a este propósito, 10,5 millóns de euros.

Durante a reunión, que se desenvolveu nun entorno de cordialidade, as asociacións transmitiron a súa preocupación sobre o futuro dos convenios de asistencia e axudas para as actuacións de asistencia e prevención da drogodependencia que veñen desenvolvendo na comunidade autónoma.

Os dous conselleiros informaron no encontro que, a pesar da situación económica actual e de baixada de ingresos da Xunta de Galicia, en breve asinaranse os convenios nominais con asociacións e concellos para asistencia ás drogodependencias, logo de que o Parlamento de Galicia aprobara os orzamentos para o presente ano. Tamén lles deron conta de que a orde de subvencións por concorrencia competitiva para actuacións das asociacións en materia de prevención está a ultimarse, e publicarase no Diario Oficial de Galicia en vindeiras datas.

Igualmente, na reunión, a Consellería de Sanidade comprometeuse a publicar unha orde de subvención por concorrencia competitiva para concellos, por un importe aproximado de 850.000 euros, aínda que o Plan Nacional de Drogas retirou os fondos finalistas destinados á prevención nas Comunidades Autónomas.

Renovación do Programa de Formación e Integración Social.

Ademais do anteriormente sinalado, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda anunciou, á presidenta de Érguete, a renovación da colaboración da Xunta co Programa de Formación e Integración Social da entidade, que está destinado a persoas con problemática legal, delincuentes primarios en período de suspensión de condena, cun baixo índice de perigosidade, e que teñan ademais un nivel medio-alto de motivación para o cambio.

Alfonso Rueda destacou que a Xunta aposta por impulsar alternativas á cadea que en determinadas condutas dan resultados mais eficaces e poden garantir unha mellor rehabilitación, xa que no caso de persoas que sufriron penas privativas de liberdade hai que propiciar a súa reinserción socio-laboral, e traballar para facer comprender á sociedade que é responsable de apoiar medidas coma a reinserción e integrar a estas persoas novamente á sociedade.

ReadSpeaker

Fuente: http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/6511/xunta-transmitelle-varias-asociacions-contra-drogodependencia-intencion-manter

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...

0 comentarios:

AddThis