SANIDADE COMEZA OS TRABALLOS PREVIOS PARA PROCEDER A ELABORAR O NOVO PLAN DE GALICIA DE TRASTORNOS ADITIVOS
A tal efecto, reuniuse hoxe con asociacións de drogodependentes, concellos, e sociedades científicas, entre outras institucións
O departamento que dirixe Pilar Farjas presentou a ferramenta de traballo que, nun entorno web, facilitará a máxima participación e evitará trámites innecesarios
Santiago, 8 de febreiro de 2010.- A Consellería de Sanidade comezou hoxe os traballos previos que darán lugar á elaboración do que será o futuro Plan de Galicia de Trastornos Aditivos. A tal efecto, a directora xeral de Saúde Pública e Planificación, Sagrario Pérez Castellanos; acompañada de subdirectora de Xestión Socio-Sanitaria e Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde, Fernanda López Crecente; e do subdirector de Fomento de Estilos de Vida Saudables, Jorge Suanzes Hernández, mantiveron unha xuntanza de traballo con diversos colectivos relacionados con esta área.
Así, foron invitados pola Administración sanitaria ao acto que tivo lugar en San Lázaro, sociedades científicas relacionadas coa prevención do tabaquismo, entidades sen ánimo de lucro colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, concellos, coordinadores da área de saúde mental dos hospitais, Asociación Galega de Psiquiatría, Asociación Galega de Saúde Mental, asociacións asistenciais de Alcoholismo, unidades asistenciais de drogodependencias e centros de tratamento, grupo de investigación de problemas sociais da Facultade de Psicoloxía da USC, Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social e, ademais, o Colexio de Psicólogos de Galicia.
Na reunión, os representantes da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde presentaron aos colectivos invitados unha ferramenta informática en liña, que será un mecanismo que asegurará que todos poidan participar e aportar as súas suxestións.
Así mesmo, pedíronlle aos invitados á xuntanza que, no prazo de 15 días, envíen as suxestións que consideren interesantes e que estimen que deben ser incluídas no Plan.
A directora xeral de Saúde Pública sinalou, na reunión, o seu desexo de comezar canto antes co desenvolvemento dos grupos de traballo, que serán os responsables de elaborar as liñas estratéxicas do documento.
Entrada en vigor no 2011
Traballar nun entorno web dinamizará todo o proceso, evitando trámites innecesarios, e permitindo unha pronta constitución dos grupos, así como o desenvolvemento das propostas máis construtivas, para, posteriormente, poder plasmalas no documento final.
A intención de Sanidade é que, no ano 2011, entre en vigor o plan, que estará vixente ata o ano 2016, para, deste xeito, adecuarse á normativa estatal (Estratexia Nacional sobre Drogas 2009-2016) e á europea.
Así mesmo, esta vixencia permitirá avaliar si as actuacións preventivas que se poñen en marcha dan os froitos desexados, xa que se precisan períodos longos de tempo para verificar os resultados.
0 comentarios:
Post a Comment