Nestes tempos no que o medo semella agarrotar cada vez máis as mentes, o afán proteccionista impídenos en ocasións facer fronte aos problemas sociais dende una postura máis comprensiva, efectiva e acorde á realidade. No ámbito das drogas, as posturas enfróntanse dende a loita por abolir completamente este tipo de substancias ata a defensa do consumo responsable. Esta última posición é a que adoitan as asociacións Asfedro e Lazos Pro Solidariedade en Educando no lecer, un programa de reducción de riscos no uso de drogas recreativas cun servicio itinerante que, baixo o nome de Infodrogas, ensina á sociedade a consumir.
Así, partindo da base de que a xente consume, usa e disfruta das drogas no seu lecer, este tipo de información busca a reducción do número de intoxicacións, e que a poboación coñeza con que pode mesturar a súa sustancia, cal é a dose axeitada e cales son as precaucións a ter en conta tanto antes do consumo, como durante e despois.
Segundo Xaquín Bouza, técnico de prevención da drogodependencia de Asfedro, “do que non hai dúbida é de que a xente xa se está preocupando do seu consumo dende o momento en que que se achegan a asesorarse. Mais tamén é verdade que a xente está moi confusa e influenciada polo marketing das drogas, que tamén existe. A idea é desmitificar en moitos casos mitos e lendas que rodean a determinadas substancias e que a colectividad sexa un pouco crítica co que vai a consumir”.
A isto hai que engadir que a realidade económica está propiciando a creación de novas misturas que buscan un efecto máis duradero a un prezo inferior, e esta renovación das substancia de consumo en detrimento das drogas clásicas fai aínda máis importante proporcionar unha información fiable e dende un enfoque que non dramatice a realidade.
“A perspectiva da información que se lle facilitaba anteriormente aos usuarios de drogas sen problemática de drogodependencia era dende un punto de vista fatalista, identificando a todo usuario de drogas coma un drogodependente”, critica Carlos Varela, presidente de Lazos Pro Solidariedade. “Focalizábase a imaxe do usuario de drogas e non se sentían recoñecidos na información que se lles daba. Estos servizos están orientados a esa xente que non ten problemas de dependencia, pero que consumen neste tipo de eventos”.
A análise como reclamo
Infodrogas amósase como a cara visible dun proxecto que conta tamén co subprograma de Formación de mediadores, que intervendrán en contextos de ocio, e o de difusión de información a través de educandonolecer.blogspot.com. A través do seu posto de asesoramento itinerante, que leva catro anos percorrendo os diferentes festivais e eventos na provincia da Coruña, sitúase como un lugar de encontro directo cos usuarios. E dende hai arredor dun ano, contan cun reclamo moi atractivo: o servizo de análise de drogas.
Bouza explica que “o proceso é sinxelo. Cando o usuario chega xunto a nós, e para evitar posibles reclamacións, o que intentamos é que eles abran a bolsa, a non ser que o posto que levan o impida. A cantidade que se lles pide é mínima”. No caso do MDMA, éxtase, derivados anfetamínicos e ketamina, o que se trata é de saber se ten ou non o principio activo. Pola contra, se a substancia a analizar é cocaína, a proba determina a súa pureza cun 25% de erro.
Mentres en determinados festivais, coma no Freelive celebrado en Cerceda os pasados 5 e 6 de xullo, case o total das duascentas persoas que acudiron a testar a súa substancia, fixéronno tralo consumo, ben porque descobreron nese intre o punto de información, ben porque non confiaban no que acababan de consumir; no caso do Festival de Ortigueira, a maior parte da xente acudiu a Infodrogas antes de consumir.
“A realidade desta iniciativa tira polo chan o mito de que a xente consumidora non se preocupa pola súa saúde, e de que consumen todo o que lles botan. Varias veces aconteceu que a persoa que ía consumila decidiu desbotala porque os resultados do análise non son os que esperaba”, conta o técnico de Asfedro. “En ocasións a dose non da positivo en nada, mesmo tras unha segunda análise. Nese caso dicímoslle ó usuario que pode ser unha substancia descoñecida e que non sabemos o que lle pode xerar no organismo. Outras veces, por exemplo, veñen co que cren que é speed, e resulta que é ketamina ou cafeína adulterada. Hai xente que iso non o quere tomar”.
Ortigueira non será o derradeiro lugar no que Asfedro e Lazos Pro Solidariedade xuntarán esforzos para garantir un consumo máis responsable nunha tempada chea de eventos e festivais. O Festival Irmandiño de Moeche ou a Festa da Carbsalleira de Zas, entre outros, albergarán tamén o posto de Infodrogas, onde ámbalas dúas entidades tratarán de lembrar á xente que a diversión non sempre é un xogo, e que contar coa información necesaria é a mellor forma de afrontar unha noite de troula.
Autor: JOSÉ RAMÓN CAAMAÑO. Fuente: http://ferrol360.es/infodrogas-ou-como-o-consumo-de-estupefacentes-pode-ser-responsable/
0 comentarios:
Post a Comment